mércores, 3 de xuño de 2015

Nova sessom do grupo de estudos: "Os conselhos operarios", de A. Pannekoek.

Esta sexta, ás 21 h., temos nova sessom do grupo de estudos sobre democracia direta no Ateneu Libertário "A Engranaxe". Coma sempre, haverá ceia solidaria e debate ao redor do seguinte texto: "Os conselhos operarios", de A. Pannekoek.



venres, 22 de maio de 2015

Nova sessom do grupo de estudos: "A experiencia autogestionaria durante a guerra civil espanhola"

Hoje, sexta, 22 de maio, ás 21 h. desenvolverase umha nova sessom do grupo de estudos sobre democracia directa no C.S. Madia Leva!. Coma sempre, haverá ceia, projeçom do documentário: Federaçom de Associaçons Operarias da Autogestom" e debate ao redor do texto que podedes ler a seguir:


A EXPERIENCIA AUTOXESTIONARIA DURANTE A GUERRA CIVIL ESPAÑOLA

LUIS BUENDÍA GARCÍA

I. A AUTOXESTIÓN: CONTEXTUALIZACIÓN POLÍTICA E XENERALIDADES 

En xullo de 1936, a Confederación Nacional do Traballo (CNT) e a Federación Anarquista Ibérica (FAI) chamaron á folga xeral revolucionaria para tratar de abortar o golpe de Estado que estaba tendo lugar en diferentes lugares da xeografía española. As propios traballadoras organizadas terán un papel primordial á hora de sufocar a rebelión nalgunhas cidades. Ante estes acontecementos produciuse un baleiro de poder no bando republicano que foi aproveitado para constituír órganos de autogoberno desde a base da cidadanía. Estes novos instrumentos de carácter popular foron os que se fixeron cargo da situación. Ao mesmo tempo os medios de produción foron tomados polas traballadoras para poñelos en funcionamento pola súa conta mediante sistemas de colectivización, é dicir, poñendo a terra e as empresas en mans de quen traballaba nelas. En calquera caso, xa antes do alzamento militar obsérvase a formación espontánea de colectividades nalgúns lugares. Era o comezo da experiencia autoxestionaria española.

Foron moitas as colectividades agrarias e industriais que tomaron medidas para un mellor funcionamento económico. En ambos sectores houbo casos de concentración e de introdución de maquinaria nova ou de mecanización. Así se uniron parcelas para traballalas todas en conxunto e pecháronse aqueles centros que resultaban antieconómicos, pasando as súas antigas traballadoras a outros diferentes. Construíronse novos sistemas de regadío e unificouse o comercio. Do mesmo xeito foron implantadas medidas para o progreso na educación e as prestacións sociais.

Neste ambiente de euforia revolucionaria ata os nomes das localidades foron cambiados: Cidade Real pasou a ser Cidade Libre; Alcalá do Rei foi Alcalá da República, Alcázar de San Juan converteuse en Alcázar de Cervantes e Alfara do Patriarca chamouse Alfara- Llibertat. E substituíronse tamén as festividades tradicionais por outras máis acordes co momento que se estaba vivindo. En canto aos obstáculos cos que tiveron que se enfrontar os partidarios da colectivización, separadamente dos relativos ás peculiaridades económico- políticas de cada rexión e que veremos con maior detemento, pódense sinalar aquí algúns outros de carácter máis xeral. Clasificarémolos en problemas exóxenos e endóxenos. Exóxenos serían os problemas para adquirir suministros (abonos no campo ou materias primas na industria, por exemplo), a insuficiente demanda ocasionada por un mercado crebado pola guerra e as loitas políticas que se produciron dentro do bando republicano que tamén tiveron como efecto a destrución dos experimentos colectivos. Entre os endóxenos podemos ver a falta de preparación dos traballadores nalgúns lugares; o carácter de desunión e competencia que primou ás veces entre a cidade e o campo (que se traduciu en moitas ocasións en diferenzas nas remuneracións) ou entre distintos entes colectivos (tanto na cidade como no campo, con disparidades así mesmo nos ingresos duns e outros), e as tensións xurdidas da relación entre o sindicato e a colectividade. 

Como reacción a estes últimos problemas, que se poderían resumir na descoordinación e na falta de solidariedade á hora de compartir os excedentes, a iniciativa dos sindicatos ou das traballadoras empezaron a xurdir organismos que permitisen articular no ámbito rexional e até nacional respostas aos mesmos. En canto ás diferenzas de criterio entre o sindicato e a colectividade, debéronse a dúas causas principalmente: en primeiro lugar, a que a concepción da sociedade que estimulaba a loita anarcosindicalista tiña como fin a posta nas mans dos propios sindicatos os medios de produción. Porén, tralas ocupacións espontáneas de terras como de fábricas, foron moitas as traballadoras que aínda militando na CNT optaron por outro tipo de xestión: a autoxestión propiamente dita. A propia CNT, que se viu desbordada pola iniciativa popular neses momentos iniciais aceptou con moita frecuencia as novas circunstancias e traballou xunto ás obreiras, aínda que tratou de intervir cando viu que se estaban a dar casos de egoísmo nas empresas ou nas colectividades agrarias, e fomentou xunto a algúns colectivos a creación de caixas de compensación e de organismos de coordinación. Pero ademais, e esta é a segunda causa de discrepancia, desde os comités sindicais situados na parte superior dos organigramas cenetistas e faístas tomáronse demasiadas decisións (e de considerable importancia) sen contar cos militantes de base, o que daría lugar á rebelión de moitas traballadoras (polo demais, moitos deles pertencentes ás mesma organizacións) que se opoñían a certas decisións impostas desde arriba. Dos problemas políticos mencionados e que afectaron ás colectividades de diferentes formas, o máis encarnizado foi o que tivo lugar co Partido Comunista de España (PCE) e os súas diferentes ramificacións durante a Guerra Civil, polo que merece especial mención. A posición oficial do PCE foi desde o comezo da guerra a de dar prioridade ás necesidades bélicas en detrimento das conquistas revolucionarias, e todos os pasos que deu neste sentido foron cara á creación dun Estado forte. Para iso convertéronse nos máximos defensores da mesma orde republicana á que atacaran encarnizadamente antes de 1936 por "burguesa". A súa defensa da pequena propiedade privada dos medios de produción fixo que a militancia da organización aumentase con todos os pequenos propietarios que vían ameazadas as súas posesións polo ímpeto obreiro. Ademais, as consecuencias da súa política fixeron que o PCE se vise obrigado a mudar de estratexia en numerosas ocasións no que incumbe ás colectividades.

Doutra banda, e isto é extensivo aos partidos da burguesía que gobernaban tamén a República e certas fraccións do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), desde a recomposición do Estado trala dinámica revolucionaria inicial, púxose de manifesto unha vontade de pór orde na retagarda á que parece ser que en ocasións se lle deu prioridade até respecto da guerra o que tería funestas consecuencias para a consolidación das conquistas revolucionarias. Así, durante os sucesos de Maio de 1937 (nos que xorde unha loita de barricadas en Barcelona entre comunistas e forzas republicanas por unha banda, e anarquistas, anarcosindicalistas e poumistas por outro) foron enviadas columnas de Gardas de Asalto a Cataluña para sufocar a rebelión, e máis tarde, para disolver o Consello de Aragón empréganse varias divisións comunistas aínda a risco de que a reacción das columnas CNT- FAI puidese ser a de abandonar a fronte para defender as conquistas que eles habían promovido. 

Por outra banda, conforme vai avanzando a Guerra Civil vaise apreciando dentro dos órganos dirixentes anarcosindicalistas e anarquistas unha evolución ideolóxica cara posicións cada vez máis reformistas e próximas a aqueles grupos políticos que até o alzamento militar foran os seus inimigos ideolóxicos. Esta evolución (da que xa mencionamos un efecto, a toma de decisións imposta desde arriba) verémola nos distintos eidos nos que se vai producindo ao ir estudando de forma máis detida o proceso autoxestionario, e soamente se explica desde a perspectiva da evolución da correlación de forzas que tivo lugar dentro do bando republicano. Neste, os diferentes inimigos da colectivización obreira (a tradicional burguesía que permanecera fiel á República, xa que a que non o fixo fuxiu, tratou de pasar desapercibida ou foi asasinada) aos que se lle uniu o PCE e a á dereitista da Unión Xeral de Traballadores) ían gañando posicións en detrimento dos protectores naturais de tales experimentos: CNT, FAI, Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM) e socialistas de esquerda.

Deste xeito, a actitude sobre todo de cenetistas e faístas (o POUM fora literalmente exterminado e os socialistas de esquerda foron marxinados dentro da UXT) foi modificada, derivando cara o gobernamentalismo, ao ver que se perdía a posición hexemónica que obtiveran trala derrota da rebelión feixista. En todo caso, malia (ou quizá precisamente por) a adopción dunhas posturas máis moderadas (e que até entón foran obxecto das súas reprobacións), a CNT e a FAI ían perdendo a influencia da que gozaran. Ante estas circunstancias xurdiron desde dentro do propio Movemento Libertario (CNT, FAI e Mocidades Libertarias) reaccións de oposición que reivindicaban as posturas que se abandonaran. Entre estes movementos destaca a aparición dos "Amigos de Durruti" que sempre criticaron a política que se estaba levando desde as altas instancias da CNT e a FAI. A súa posición era a de chamar a unha nova revolución que non transixise tanto respecto dos fundamentos anarquistas, o que lles valeu as críticas dos líderes da CNT/FAI e finalmente a súa expulsión das organizacións libertarias.

Ao longo das seguintes páxinas veremos con máis detalle (especialmente nas súas variantes rexionais/nacionais) en que consistiu exactamente a actitude tanto dos comunistas e dos anarquistas e anarcosindicalistas como das outras organizacións involucradas. Só queda advertir unha cousa máis a este respecto. O PCE non era a única organización republicana que reivindicaba a ideoloxía comunista, senón que tamén o POUM o facía. Así, para distinguir, cando nos refiramos ao PCE utilizaremos indistintamente as palabras "comunistas" ou "estalinistas", mentres que cando fagamos o propio co POUM, diremos "comunistas heterodoxos" ou "comunistas disidentes".

II) A AUTOXESTIÓN NO RURAL

Xeneralizando, pode presentarse o procedemento para a constitución dunha colectividade agraria como segue. A súa formación adoitaba consistir na xuntanza dunha asemblea xeral, que a partir de aí sería o órgano soberano do municipio e que decidía acerca do destino do pobo trala morte ou fuxida dos grandes propietarios e a queima dos arquivos da propiedade. Se decidían colectivizar organizábanse en grupos de entre cinco e dez traballadoras cunha delegada, cargo que había de ser rotativo, así como as tarefas asignadas ás traballadoras, para impedir que xurdisen privilexios. Así se traballaban as terras colectivizadas. Creábanse uns estatutos, que variaban dunhas colectividades a outras: desde quen rexeitaba facelos porque podía restar liberdade até quen trataba de prefigurar os problemas máis importantes que puidesen xurdir, tales como a relación cos "individualistas" (é dicir, os que se opoñían á colectivización) ou a revogabilidade dos cargos. As decisións máis importantes eran competencia das asembleas, que se reunían con periodicidade regular e variábel en función dos pobos e que, ademais, elixían un comité que se encargaba da administración local durante un período concreto, pasado o cal debía volver ser elixido. Nas asembleas cada persoa tiña un voto, independentemente da súa achega á colectividade.

Este comité tiña diferentes funcións dependendo do tipo de colectividade de que se tratase: se a colectividade era "integral" (é dicir, se incluía a colectivización da terra e dos distintos servizos do pobo, pertencendo á mesma non só os agricultores senón tamén mestres, médicos, carpinteiros, panadeiros, etc.) era o órgano de goberno efectivo; se pola contra a colectivización só afectaba a unha parte da localidade, había un dobre poder: o do comité e o do concello local, afectando aquel aos colectivistas e este á totalidade do pobo. O comité tamén estaba suxeito a revogabilidade inmediata e debía responder ante a asemblea. Os compoñentes do comité non deixaban, por pertencer ao mesmo, de traballar: debían encargarse dos seus labores como administradores logo da súa xornada habitual. No extremo estaba o caso daqueles pobos que ademais penalizaban a actividade dos membros do comité concedéndolles uns ingresos máis baixos (como en Tomelloso, Cidade Real, onde gañaban un 25% menos que o resto de traballadores) para eliminar sospeitas de lucro persoal co traballo administrativo.

En certos lugares, a actividade dos comités estendeuse das súas atribucións orixinarias dando lugar a abusos de poder, pero noutros a revogabilidade e o control das bases mantivéronse vixentes e fixéronse efectivos de modo que a función destes comités quedou reducida máis a labores de coordinación e de administración que de goberno. Era a forma de democracia directa e a convicción dos colectivistas que se expresaba nela de tomar os seus destinos nas súas propias mans e de poder decidir libremente acerca deles o que espertaba o entusiasmo até nos observadores escépticos e o que aínda hoxe é considerado polos protagonistas daqueles acontecementos revolucionarios como un paso en dirección á abolición da alienación humana.

En canto á explotación da terra, adoitábanse deixar pequenas parcelas de terreo para a súa explotación individual por parte dos colectivistas, separadamente da colectivizada. Ademais certos bens eran normalmente de titularidade privada, como a roupa e, ás veces, os animais de curral. Era frecuente a existencia da obrigatoriedade de traballar, da que só quedaban excluídos os menores de catorce
ou dezaseis anos, os maiores de sesenta, as mulleres embarazadas e aquelas que se ocupaban a tempo completo dos labores domésticos e do coidado dos pequenos. 

Con respecto á estrutura financeira das colectividades destaca o feito de que o diñeiro fose abolido en bastantes pobos, sempre por imperativo moral máis que por funcionalidade económica. De feito, a revolución anarquista respondía con máis frecuencia a unhas crenzas éticas que doutro tipo. De aí o feito de que nalgúns pobos se abolise por decisión colectiva o café, o tabaco ou outros "vicios".

Iso é o que levou a Borkenau a falar dunha concepción "ascética" da "nova orde". No entanto, cabo sinalar que aínda que isto se deu con relativa frecuencia no campo, na cidade, a mentalidade "ascética" non chegou nunca a eses extremos, sen dúbida porque a estrutura social era radicalmente diferente, aínda que as realizacións prácticas tivesen o mesmo fundamento ético. Doutra banda é necesario indicar o feito de que noutros pobos do campo predominase unha actitude moito máis "pragmática" e, no canto de pasar a unha total abolición da moeda (inspirada na kropotkiniana "toma da montón"), se substituíse esta con medios de intercambio e remuneración como os salarios familiares. Estes servían soamente para a compra de obxectos de consumo, nunca para a adquisición de medios de produción. Remunerábase en función de escalas que trataban de taxar as necesidades das unidades familiares, evitando así o ingreso baseado no rendemento, por consideralo inxusto, aínda que nas colectividades exclusivas da UXT parece que se continuou cos salarios clásicos. Ademais, estes salarios familiares estaban suxeitos a desvalorización, co que se trataba de evitar a súa acumulación. De todos os xeitos, trala experimentación inicial, algúns pobos foron optando por volver á remuneración en función do traballo, a modo de transición até poder configurar formas "máis xustas" de reparto da riqueza. Iso debeuse aos problemas que se estaban dando, especialmente de rixidez no funcionamento económico. De feito, parece que varias das colectividades que optaron pola abolición do diñeiro experimentaron a saída dalgúns dos seus membros e os excesos doutros. En todo caso, as remuneracións dependían moitas veces da abundancia nas colectividades, de maneira que en moitos lugares había reparto gratuíto entre os colectivistas daquilo no que eran excedentarios, como pan, viño ou aceite. 

Para as relacións con outros colectivos, o comité adoitaba gardar o diñeiro tradicional aínda que tamén se fixo uso do troco. Ademais, este comité decidía, cando a xente tiña que saír, se se lle concedía o diñeiro á persoa en cuestión (xa fose para ir a un médico especialista ou para ir ao cine da localidade máis próxima) o que deu lugar a non poucas arbitrariedades. Para o intercambio estabelecéronse

cooperativas de compra e de venda nas colectividades. Instauráronse tamén caixas de compensación coa idea de que aquelas que eran máis prósperas axudasen ás que non o eran tanto, aínda que non sempre resultaron efectivas. Esta solidariedade co exterior era complementada coa solidariedade dentro da propia colectividade materializada en traballo voluntario ou no envío de abastecementos á fronte.

Algunhas colectividades estableceron un imposto voluntario destinado ao financiamento da guerra, mentres que outras se negaron a pagar impostos, en xeral, por canto iso supoñía soster ao Estado. A entrada e a saída da colectividade eran libres normalmente. Así, cando un colectivista optaba por abandonala permitíaselle facelo levándose o que achegase, aínda que ás veces impuxéronse restricións a isto, por exemplo, mediante a retención dunha porcentaxe da súa achega. En canto á relación con aquelas persoas escépticas respecto das explotacións colectivas, a posición "oficial" da CNT foi tomada nalgúns congresos rexionais, como o de Cataluña dos días 5 e 6 de setembro de 1936 e o de Valencia dos días 18 ao 20 do mesmo mes, onde se deixaba á vontade de cada cal a súa participación ou non no proxecto colectivista, de modo que os partidarios do mesmo tratasen de gañaren aos pequenos propietarios persuadíndoos coas vantaxes que ofrecía e coa condición de que a propiedade individual non supuxese obstáculo algún para o desenvolvemento da colectiva. Tamén, aquelas seccións da UXT que se pronunciaron a favor da colectivización optaron por respectar a pequena propiedade. Con todo, parece indubidábel que se produciron presións para o ingreso dos chamados individualistas dentro da colectividade. Estas presións podían ser directas, como no caso de que a colectivización fose imposta, por exemplo, polas milicias; pero tamén había presións de tipo indirecto, como a obrigatoriedade de comerciar os produtos dos individualistas polas canles estabelecidas pola colectividade (o que tamén podía resultar favorábel, cando facía falla certo nivel de produción para garantir unha comercialización rendíbel) ou a presión de vivir nun pobo con maioría favorábel á colectivización. Doutra banda, as vantaxes sociais que ofrecía pertencer á colectividade (de sanidade, educación, etc.) tamén podían resultar persuasivas para decidirse a pertencer á mesma. Déronse numerosos casos de colaboración sen tensións entre ambas fraccións da poboación chegando a admitir aos individualistas nas asembleas (aínda que con frecuencia, con voz pero sen voto), pero houbo casos de colectivización forzada, ás veces, mediante o terror, aínda que a protección que dos pequenos propietarios fixo desde o principio o PCE era un seguro para a preservación dos individualistas e nalgunha ocasión serviu para impedir excesos maiores.

Instauráronse servizos culturais e de lecer en numerosas colectividades, como bibliotecas ou escolas, tanto para nenos como para adultos, e emprendéronse labores de alfabetización, ao mesmo tempo que se organizaban teatros e cines (para o que podía servir a igrexa da vila, cando non era empregada como almacén ou hospital). Ademais os campesiños puideron gozar de sistemas de seguridade social, até entón impensábeis. Tamén se puxeron en marcha proxectos de racionalización económica: mecanizando o campo, concentrando explotacións, difundindo sistemas de regadío, creando granxas para a selección e difusión das especies, grandes cortes para o gando, etc.; pero sempre tendo en perspectiva que o obxectivo non era tanto a maior eficiencia económica canto a consecución dunhas relacións sociais máis libres e iguais. 

A posición do goberno da República estivo determinada polo feito de que o seu Ministerio de Agricultura estivese dirixido desde o 5 de setembro até a vitoria franquista por Vicente Uribe Galdeano, que pertencía ao PCE, e cuxas dilixencias gobernativas estaban sempre encamiñadas á nacionalización da terra, o que ía en detrimento das posicións colectivistas dunha boa parte do agro español que permaneceu en zona republicana. O PCE, desde o primeiro momento mostrou a súa oposición ao movemento colectivista e até creou organizacións agrarias que viron crecer o seu número de afiliados cos pequenos campesiños e propietarios, como a Federación Campesiña en Valencia. O 7 de outubro de 1936, Uribe promulgou un decreto que legalizaba a colectivización na agricultura pero protexendo a propiedade individual de parcelas de ata trinta hectáreas de secano, cinco de regadío e tres de horta, o que ocasionou as protestas dos campesiños que consideraban que era demasiada terra para explotación individual. Este decreto só legalizaba pois unha parte do que os campesiños fixeran de xeito espontáneo e así mesmo limitaba a expropiación unicamente a aqueles propietarios que estivesen relacionados cos insurrectos. Tamén se poñía toda a actividade no rural baixo o mando do Instituto de Reforma Agraria e baixo a propiedade do Estado, e estabelecíanse unha serie de requisitos para a legalización dos colectivos moi estritos, que eran de obrigado cumprimento baixo a ameaza de que, en caso contrario, devolveríase a terra aos seus antigos propietarios. Os arrendos debían seguir sendo pagos se os arrendatarios non eran declarados facciosos, o que implicaba xa un apoio maior aos pequenos propietarios que a braceiros ou xornaleiros. O apoio ao pequeno propietario fíxose patente desde o primeiro momento, tanto pola forza física (co apoio militar do PCE cando fixo falla) como pola persuasión económica, xa que se lle prestou valiosa axuda en forma de abonos e fertilizantes. Indubidabelmente tratábase de frear a iniciativa dos campesiños que non dubidaran en colectivizar tantas terras como puideron e necesitaron sen agardar a obter permiso de ningún organismo situado por encima deles. 

Os agricultores, vendo a actitude dun PCE que gañaba cada vez máis influencia, empezaron a deixar de traballar as súas parcelas colectivizadas por medo a que finalmente llas fosen a quitar e pasaron a cultivar en exclusiva aquelas de posesión individual que servían para alimentar ás súas familias. Ante tales feitos, o Ministerio de Agricultura tivo que cambiar de política polo risco da perda das colleitas e o conseguinte perigo que levase consigo para a evolución da contenda bélica, polo que o 8 de xuño de 1937 legalizou as colectividades existentes. A validez do novo decreto era tan só para "o presente ano agrícola". Por iso é polo que pouco tempo despois non dubidasen, por exemplo, en destruír as explotacións colectivas en Aragón. Para se enfrontar a estas adversidades, á CNT quedáronlle dúas opcións, a saber, a negociación co resto de grupos políticos do bando republicano e unha "conexión orgánica das colectividades" que permitise adquirir a suficiente forza como para poder exercer unha resistencia efectiva. A primeira opción irémola vendo nas súas particularidades rexionais. Como resultado da segunda naceu o 12 de xuño de 1937 a Federación Nacional Campesiña (así como outras de carácter rexional que tamén veremos). Pretendía coordinar e difundir o proxecto colectivista para o que se lle outorgou a capacidade de facer cumprir os seus acordos aos compoñentes da Federación (o que ía en contra do que anarquistas e anarcosindicalistas promoveran até o momento). Tamén sería a responsábel do comercio e a distribución, así como do reparto dos excedentes daquelas colectividades que os tivesen a aqueloutras deficitarias. 

En canto ao papel da UXT na agricultura, existían serias diverxencias entre a política aplicada nunhas rexións e noutras, así como entre as distintas correntes que tiveron cabida no seu interior. Se en Cataluña, moi influenciada polo estalinista PSUC (Partido Socialista Unificado de Cataluña), mostraba un rexeitamento absoluto á colectivización agraria, en Castela ou en Andalucía tivo un papel primordial no movemento colectivizador, ás veces xunto á CNT e noutras ocasións até por diante da mesma. A nivel nacional a CNT e a UXT trataron de pactar alianzas en diferentes ocasións, pero non foi ata marzo de 1938 que asinaron o primeiro acordo. Neste, as concesións ideolóxicas da CNT respecto do seu programa clásico de comunismo libertario eran fragrantes. O pacto propoñía a nacionalización da terra e consideraban necesaria a "intervención do Estado" que lexislaría acerca das colectividades de tal modo que o non sometemento a estas leis supoñía a desaparición dos experimentos colectivos. Até entón, o obxectivo de anarquistas e anarcosindicalistas fora a comunalización (cesión da terra ás "comunas") e a socialización (colectivización de todo o chan, incluíndo o que se atopaba en mans dos pequenos propietarios), de modo que até a colectivización só era un xeito temporal de achegarse aos seus obxectivos últimos.

Non houbo só colectividades da CNT e da UXT, senón tamén mixtas CNT- UXT e outras nas que participaron distintas organizacións políticas, aínda que estas eran menos numerosas. Pero houbo colectivos do POUM, do PCE, da Esquerda Republicana, etc., e tamén sen organización política ou sindical, como as que se crearon de refuxiados de guerra. Incluso, en determinadas ocasións, formábanse dúas colectividades pertencentes a distintas organizacións na mesma localidade que podían chegar a levarse bastante mal. Parece ser que, a este respecto, o caso de Liria (Valencia) rozaba o paroxismo, pois para unha poboación de 9.000 habitantes formáronse: unha colectividade da CNT (con 711 colectivistas) e dúas da UXT (con 12 e 24 colectivistas), todas elas en competencia. Tamén hai que apuntar que non todos os traballadores sindicados na CNT foron favorábeis á colectivización e que en Estremadura, a socialista Federación Española de Traballadores da Terra (FETT) foi quen levou a iniciativa colectivizadora mentres eran os pequenos propietarios os que abundaban entre a afiliación da CNT.

As prácticas colectivizadoras foron moi importantes en Andalucía, Aragón, Castela, Catalunya e Levante, por se trataren de zonas controladas durante un maior tempo polo bando republicano, en cambio, no noroeste peninsular (Galiza) este movemento acadou dimensións moi inferiores por ser unha área na que o feixismo se implantou rapidamente.

III) A AUTOXESTIÓN NA CIDADE

Non só houbo no rural experiencias nas que os traballadores se fixeron cargo dos medios de produción. Tamén na cidade se deron experiencias deste tipo e, aínda que a súa extensión xeográfica non é tan ampla como a do agro, supéraa en número de participantes.

En primeiro lugar, e para familiarizarnos co tema, comecemos cunha tipoloxía dos diferentes tipos de intervención obreira que tiveron lugar nas empresas. Así pois teríamos: 

1) Incautación: Consiste na apropiación dun centro produtivo por parte dos traballadores, os sindicatos, os concellos, a Generalitat ou a República.

2) Colectivización: É un tipo de incautación que supón que os empregados se fan cargo da xestión do centro. Sería equivalente á "autoxestión industrial obreira".

3) Control: Implica a intervención, na toma de decisións, dun grupo diferente daquel que está a cargo do centro produtivo.

4) Socialización: É outra forma de incautación que ten distintas concrecións en función de quen as leve a cabo. Se son os anarcosindicalistas, implica a apropiación dunha rama da industria ou dun centro por parte dos sindicatos. Se son os socialistas quen a executan, supón a cesión do poder na empresa a un "goberno popular". 

5) Nacionalización e municipalización son modos de incautación que consisten en poñer os centros de produción a disposición e baixo o control do Estado ou dos seus representantes nos municipios, respectivamente. 

6) Agrupación: É a concentración de todos os centros que forman parte do mesmo sector económico e a súa colectivización. 

O procedemento que se adoitaba seguir á hora de proceder á colectivización dunha empresa consistía no seguinte. Ante o baleiro de poder que se deu naquelas cidades onde a insurrección militar fracasou, os propios traballadores fixéronse cargo das industrias e dos servizos de varios centros urbanos, antes de que os sindicatos estabelecesen algunha consigna ou liña a seguir. A resistencia de directores ou de patróns era máis ben escasa, posto que moitos deles fuxiran e outros preferiron ceder ao ver que calquera outra decisión podía pór en risco as súas vidas. Esta situación fixo que os propios empregados se visen na necesidade de facerse cargo dos centros de traballo para pór en marcha canto antes a produción. Organizábanse asembleas que decidían acerca da forma de xestión que se prefería tomar e nomeábase ao comité que administraría a empresa, o cal debería ser revogábel e estar controlado pola propia asemblea de traballadores.

As relacións entre técnicos e obreiros foron, en xeral, boas así que colaboraron xuntos en moitos procesos de colectivización. Isto resultou fundamental para o correcto funcionamento das fábricas e empresas incautadas, pero tamén para a atmosfera que se respiraba: se fosen asasinados, ademais da problemática relativa á funcionalidade económica houbera aumentado a tensión.

Tomáronse medidas de racionalización económica tales como a concentración de ramas enteiras da produción e o peche daqueles centros que non fosen rendíbeis. Con iso tratábase de conseguir economías de escala. Introducíronse melloras alí onde foi posíbel, tanto no eido produtivo, como maquinaria, como no eido social, tal que seguros sociais ou medidas educativas e até un orfanato para vítimas da guerra no Palace de Madrid. Espertou un espírito de iniciativa que se viu favorecido tanto polas desfavorábeis circunstancias, que obrigaban a empregar a imaxinación para suplir as carencias materiais, como pola liberdade de que podían gozar os traballadores de todos os niveis profesionais nas

fábricas. Así, houberon de utilizarse novas materias primas que até entón nunca se empregaron, fábricas que se dedicaron á industria civil pasaron a ser industrias de guerra e noutras creáronse modelos novos dos produtos que xa se fabricaban.

Entre os problemas exóxenos aos que tiveron que facer fronte, dous son fundamentais: a escaseza de materias primas e a falta de mercados. Ambos supuxeron un obstáculo serio á marcha normal da economía, e ambos producíronse como resultado da situación de guerra. Como consecuencia, moitos obreiros víronse sumidos no paro forzoso, polo que nalgunhas empresas optouse pola diminución da xornada laboral para dar cabida ao maior número de traballadores posíbel. Ademais, habería que engadir os problemas para a obtención de enerxía tralos bombardeos e indefectibelmente as disputas políticas que tiveron lugar entre os diferentes grupos ideolóxicos, dentro do propio bando republicano. Nesta orde de ideas pódese apreciar a modo de exemplo cal era a intención do goberno republicano con respecto á colectivización na decisión que se tomou no Ministerio de Defensa en outubro de 1937, segundo a cal só efectuaría compras a aquelas empresas que estivesen dirixidas polos seus anteriores propietarios ou controladas polo Ministerio de Facenda e Economía.

Ademais, houbo outros de carácter endóxeno, como o foron a falta de solidariedade entre as empresas colectivizadas e a falta de coordinación, especialmente nos momentos iniciais. Estes foron tamén de consideración, porén comezaron a darse pasos cara á solución favorábel dos mesmos, tanto desde instancias gobernamentais como desde os sindicatos e os traballadores mesmos. No entanto, ese tipo de prácticas supuxeron motivos para proceder á centralización das empresas e á eliminación progresiva da súa autonomía de decisión.

IV. RECONTO E RESULTADOS CUANTITATIVOS

Vencelladas á industria, estaban 1.080.000 persoas e para o campo algo máis de 815.000. Isto sitúanos en case 1.900.000 persoas vivindo nun sistema autoxestionario, como mínimo, o que supón máis dun millón menos respecto das cifras que se manexan nos medios anarquistas e que falan de tres millóns de persoas implicadas. Porén, non se puideron cuantificar con rigorosidade as colectivizacións levadas a cabo pola UXT noutros territorios, co que pensamos que calquera novo estudo (con fontes primarias) pode supor un aumento das cifras sinaladas.

En canto á súa distribución rexional teriamos, en números redondos, en Andalucía 68.800 persoas (o 3,63% do total); 300.000 en Aragón (15,83%); 225.000 en Castilla (11,88%); 1.090.000 en Cataluña (57,52%), e en Levante, 190.000 (10,03%). E para o resto de rexións baixo mando republicano, algo menos de 21.000 colectivistas (un 1,11%).

V. REVOLUCIÓN SOCIAL E XÉNERO

Un dos aspectos máis criticábeis do proceso revolucionario que acabamos de estudar é o que afecta ás relacións de xénero. É por iso polo que, dada a súa importancia, optamos por dedicarlle un epígrafe, malia que sexa breve.

Non temos datos dunha soa colectividade na que as remuneracións entre homes e mulleres quedasen equiparadas. Isto non significa que non as houbese pero desde logo resulta significativo da amplitude do problema. A título ilustrativo podemos citar un par de exemplos, de entre os numerosos que existiron. No congreso de constitución da Federación Rexional de Campesiños de Andalucía acordouse que o ingreso semanal dun home "independente" sería de 35 pesetas e o dunha muller nas mesmas condicións, de 17,50139. No mesmo sentido, Gastón Leval cóntanos que en Naval (Huesca), para "vicios" como o tabaco, os cosméticos, etc. dábase unha peseta ás mulleres e dúas aos homes. Todas estas circunstancias contrastan co feito de que esteamos tratando dun movemento cuxos máximos promotores, antes da Guerra Civil dedicaran moita propaganda á igualdade entre ambos sexos nas diferentes tarefas sociais e nas súas respectivas remuneracións.

Desde as posicións gobernamentais que ocuparon os anarquistas, introducíronse algunhas medidas que supoñían enormes avances para a emancipación feminina, tales como o dereito ao aborto que en Cataluña promulgou o conselleiro de Asistencia Social e Sanidade, Antoni García Birlan (da CNT), e Federica Montseny, desde a súa carteira de Sanidade, pasa por ser a primeira ministra de Europa. Con todo, nas fábricas e nas colectividades agrarias as diferenzas eran evidentes entre homes e mulleres. Mintz achácao a un "lastre do catolicismo e da tradición mediterránea". Pero do que non cabe a menor dúbida é que representa un obstáculo serio en calquera sociedade para a consecución de niveis aceptábeis de xustiza social e de relacións libres de dominación

VI. CONCLUSIÓNS

En definitiva, e o que fai do experimento un ensaio con posibilidades de bo funcionamento económico, son todas esas medidas que fomos detallando, e que se tomaron desde a perspectiva da racionalidade económica, tales como a concentración (de empresas e talleres, na industria; de parcelas, no campo); a adquisición de bens de equipo para as fábricas; a mecanización do agro; a experimentación con especies animais e vexetais para acadar unha maior produtividade no sector primario, etc. 

Pero non é, desde logo, nas cifras macro ou microeconómicas no que estaban a pensar os protagonistas destes acontecementos. En efecto, o que lles preocupaba especialmente foron as condicións sociais nas que se atopaban e que lles convertían en seres alienados económica e politicamente. Neste sentido, a mellora obtida coas novas circunstancias é indiscutíbel.

Un exemplo disto foron as reformas educativas que empezaron a poñerse en práctica. O problema da educación era secular en España: a comezos do século XX máis da metade da poboación española era analfabeta e dos países da nosa contorna, só Portugal tiña maiores taxas de analfabetismo. Nesta dirección foron moitas das medidas que se tomaron co acontecer revolucionario. O traballo infantil estaba moi estendido en España e, unha vez que se introduciron melloras na vida económica da poboación, tratouse de liberar aos pequenos de tales cargas laborais para permitirlles unha educación adecuada. 

Ademais, elimináronse das escolas as influencias relixiosas e inspiráronse na Escola Moderna de Francisco Ferrer i Garda, co que se trataba de fomentar unha educación racional e científica. Do mesmo xeito foron creados bibliotecas e centros para a formación dos adultos así como institucións destinadas á capacitación técnica dos traballadores. En materia de asistencia social os progresos foron igualmente evidentes. Outorgáronse pensións aos anciáns xubilados, algo que para entón non había, e os parados tiñan o dereito a traballar, aínda que con iso diminúese a xornada laboral. Así mesmo, as prestacións sanitarias gratuítas fixeron do sistema creado unha novidade nese eido posto que estas eran vantaxes que nos anos trinta non existían en todas as partes e moito menos no rural peninsular. 

No eido da creatividade e da iniciativa proletaria déronse casos sorprendentes. A ampla marxe de liberdade da que gozaban tanto obreiros como técnicos facilitou que se ideasen solucións enxeñosas para os problemas con que tropezaron no seu traballo. Isto é o que explica algúns dos cambios radicais que se deron para transformar a produción dalgunhas fábricas e adaptalas ás necesidades dunha industria de guerra. O exemplo perfecto é o da fábrica de lapis de beizos que pasou a producir balas. Pero ademais empezaron a fabricarse novos modelos dos produtos manufacturados que xa se estaban a facer, como foi o caso dos autobuses. Todo isto, vén a demostrar que a creatividade é unha capacidade humana negada polo traballo alienante que impón o capital e, xaque logo, só se pode desenvolver nun contexto de liberdade e igualdade, permitindo maiores niveis de prosperidade. 

Con todo, evidentemente, non todo foron éxitos e vantaxes: tamén se deron algúns fracasos e certos problemas que xurdiron con este sistema. Xa fixemos especial fincapé nalgúns deles, como é o caso da falta de solidariedade entre distintos entes colectivizados. Unha transformación estrutural que pretenda un modelo de vida socialmente máis xusto que o sistema que a precede debe dotarse de mecanismos que traten de evitar a reprodución das mesmas contradicións das que aquel adoece. Por iso, a aparición de diferenzas nos niveis de vida entre o rural e a cidade ou entre distintas colectividades agrarias ou industriais deba verse con preocupación. O aspecto máis positivo neste tema foi a capacidade demostrada para decatarse de tales diferenzas e para idear dispositivos co fin de poñerlles remedio. Aquí a acción dos sindicatos foi especialmente útil en tanto que aproveitamento das estruturas que xa estaban creadas para a resolución de tales dificultades e posto que serviron como modelo para a creación dalgúns organismos de coordinación. Doutra banda, os abusos de poder que apreciamos nalgúns colectivos son tamén fonte de inquietude, soamente atenuada polo grado de excepcionalidade con que se deu e polo feito de que estivesen previstas estatutariamente en moitos pobos e se intentase poñer os medios para evitalos (tales como o principio de renovación e revogabilidade dos comités).

QUE PASA HOXE E QUE NOS ACHEGA ESTA EXPERIENCIA AUTOXESTIONARIA?

Fronte ao discurso manipulador da democratización cada vez máis forte dos Estados, da necesaria coxestión do capitalismo, fronte á multiplicidade do consumo e a complexidade do corpo social, os feitos son testudos e a realidade diaria responde que a miseria e a explotación dun 80/ 90 % da poboación do planeta permanece, lamentábel e implacábel. Só a orientación de base da Rusia de 1917- 21 e da España de 1936- 39 nos dan un compás para escapar ás perversións económicas que nos impoñen. E desde hoxe mesmo varios comportamentos son posíbeis: 

- Negarse a seguir as normas do consumismo e do capitalismo (traballar, descansar, comprar idioteces sen duración), estar cos explotados como escribe Bakunin, significa construír unha vida cun sentido social e colectivo, estar disposto a arriscarse nunha loita cos demais, priorizar a militancia e non ceder longas horas a pseudoliberacións (alcohol a litros, drogas a quilos, libros sen máis, etc.).

- A autoxestión pode penetrar en grupos importantes se se esixe como funcionamento social e económico: rexeitamento dos responsábeis permanentes a tempo completo e obrigación do traballo asalariado a media xornada na profesión de orixe, rotación obrigatoria para todo o mundo, cada seis ou dez meses (segundo a dificultade da tarefa), revogación pola base, en caso de diferenzas de criterios que xa non permiten avanzar.

- A autoxestión, é tamén volver a unha constatación dos socialistas do século XIX, a cada aumento de salario segue unha recuperación pola patronal con aumentos dos prezos dos bens de consumo. Polo tanto, o aumento de salarios debe acompañarse dunha redución de horarios, de produtividade e anos de cotización para o retiro, e da alza das xubilacións e pensións. 

- A utilización da informática permite a multiplicación da información e o control e o uso por un número indeterminado de grupos ou colectivos. 

- A autoxestión (alén da toma de conciencia da loita contra o autoritarismo social e económico) é negarse a aceptar o dispendio, (miles de medicamentos cando con dous centenares bastan, sobrealimentación a base de carne e transxénicos, obxectos e maquinaria con duración efémera, etc.), un nivel de vida desequilibrado e desigual no planeta.

- A confianza nas posibilidades dos asalariados desde a base. A experiencia española é un exemplo permanente en calquera situación de tensión. Nun dos últimos textos de Solidarnosc antes do golpe de Estado militar de decembro de 1981 en Polonia, un responsábel sindical escribía: "A dúbida en canto ás capacidades da clase obreira polaca e da sociedade civil de organizarse oculta a submisión ao poder burocrático. En 1936, despois de que as masas populares esmagasen a rebelión franquista, e trala fuga dos patróns que eran parte da mesma, en Cataluña, e tamén noutras rexións de España, os sindicatos e os comités obreiros tomaron na súa man e socializaron a maioría das empresas industriais, comerciais e de transporte"

- A liberación de todos a través da autoxestión das vidas, do medio social, para ter traballos útiles e dignos, xa é construír outra sociedade, rexeitando a integración no capitalismo, como fixeron os irmáns indios desde a invasión española.

Dixeches: municipalismo liberador?

Colamos unha entrevista imaxinaria a Murray Bookchin que uns companheir@s realizaron como parte do fanzine: “A mesma aposta”. Eleccións municipais e lavado de cara do Sistema para que todo siga igual (en pdf e en castelán).


Para responder a algunhas preguntas que nos realizan a algúns anarquistas con toda esta cuestión das eleccións municipais, que nos xeran non poucas dores de cabeza, recorremos a alguén que «sabe» sobre o tema. Non nos confundamos, non é que nós non saibamos e necesitemos dun experto que nos resolva as nosas dúbidas senón que optamos por que sexa o propio Murray Bookchin, quen se preocupou extensamente por desenvolver esas teorías e propostas que se coñecen como municipalismo libertario, o que responda ás nosas inquedanzas.

Disfrazado dun inofensivo «municipalismo emancipador», con toda a mentira das asembleas e os círculos, unha horda de políticos finxen xurdir da «rúa» e dos «movementos sociais», e encamíñanse cara unha aposta que con certo tinte mal pintado de municipalismo libertario recorre ao clásico «asalto ás institucións» leninista. 

«Non poucas veces pensan mellor que os vivos» dixo Guy Debord, e por iso recorremos a realizar unhas preguntas ficticias a Bookchin quen nos dá unhas respostas bastante acertadas. Pode que se entenda isto como «descontextualizar» ao mesmo Bookchin, pero a quen crea isto remitímolo a que lea ao propio autor. Non somos partidarios nin defensores do municipalismo libertario, pero cremos que ten unha lóxica que a actual deriva municipalista da esquerda nin asoma a ter, e enmárcase nun contexto (hipotético ou real) nada similar ao das nosas urbes capitalistas avanzadas. 

Do mesmo xeito ca ti, Murray, non cremos no máis aló nin no paraíso. Pero imaxinámonos que se polo que sexa puideses ver o que ocorre na actualidade no Estado español e toda esa farsa, algunhas veces en nome de teorías que contribuíches a desenvolver non che faría moita graza. Que opinas desta esquerda que se presenta como alternativa nas eleccións municipais?

Bookchin: Cando diaños acabaremos de crear un movemento capaz de mirar cara ao futuro en lugar do pasado? Cando comezaremos a aprender do que está nacendo en lugar do que está morrendo? Marx intentou facelo no seu propio tempo, e a isto debe o seu perdurábel prestixio... Novamente están os mortos andando entre nós, e vestíronse irónicamente co nome de Marx, o home que tratou de enterrar aos mortos do século dezanove. A esquerda está insensíbel ao argumento da auténtica liberdade: é economicista, centralista, burocrática e apaixonada pola tecnoloxía. 

Non sexas tan duro Murray, eles cren (ou nos queren facer crer que cren) no cambio... 

Bookchin: A revolución completa e multilateral do noso tempo, que está por fin en condicións de resolver a histórica «cuestión social» nada da escaseza, a dominación e as xerarquías, toma exemplo das revolucións parciais, incompletas e unilaterales do pasado, que se limitaron a cambiar a forma da «cuestión social» reemplazando un sistema de explotación xerárquica por outro. 

Nós creemos que é unha farsa e que no fondo non buscan mudar nada, senón que buscan limpar a cara das institucións. Como sempre sucedeu, desde a esquerda socialdemocrata alemá de principios de século ata o populismo latinoamericano de hoxe, a historia repítese ao ritmo de «non pode ser doutro xeito». 

Bookchin: A historia estafounos. Converteu as verdades de onte en erros de hoxe; non a base de proporcionarnos novos argumentos para refutalos, senón simplemente abrindo á sociedade un campo de posibilidades. Empezamos a comprender que a área da dominación é máis vasta que a da explotación material. A traxedia da corrente socialista é que, baixo o imperio do pasado, utiliza os métodos da dominación para intentar «liberarnos» da explotación material. Os métodos de dominación, por exemplo os partidos políticos, os medios de comunicación de masas, as xerarquías, o Estado. 

Pero, a quen nos di «que podemos facer entón senón votar» que lle respondemos que debemos facer? 

Bookchin: Debemos iniciar unha ruptura co dado, coa configuración social que temos á vista e procurar entender que vivimos insertos nun proceso que arrastra tras de si unha longa historia e ao que espera un longo futuro.

Soa fácil, pero ás veces non sabemos realmente que buscamos, que queremos. 

Bookchin: Debemos saber o que queremos, pois pola contra recorreremos a medios que falseen radicalmente os nosos fins. Hoxe en día, o comunismo está á orde do día no plano da sociedade, fronte a ese revolto socialista de «etapas» e «transicións» que o único que sabe é atascarnos nese mesmo mundo que intentamos pasar.

Moitos supostos libertarios, quizais imbuídos polas túas teorías do municipalismo libertario, aínda que máis probabelmente embobados por lecturas un tanto particulares de Lenin e por experiencias latinoamericanas de «poder popular» cren que toda esta farsa electoral actual, con Podemos e demais mamarrachos, pode achegarnos a unha sociedade máis libre... Pódese chegar a unha sociedade anarquista por esas vías?

Bookchin: Unha sociedade anarquista debería ser unha sociedade descentralizada, non só para estabelecer unha base perdurábel para a armonización do ser humano na natureza, senón tamén para agregar novas dimensións á armonización dos seres humanos entre si. 

Vexo que estas propostas de «municipalismo» esquerdista, á cal teñen o descaro de chamar «municipalismo emancipador», son os tentáculos que o Estado estende para controlar o que non pode nin debe escapar ao seu alcance. 

Bookchin: Non fai falla que me digas que moitos aspectos da vida actual dos pobos e cidades están controlados polo Estado- nación ou por corpos intermedios, como gobernos rexionais e provinciais que fan esta tarefa en favor do Estado- nación. Hai trazos do Estado en cada poboación ou aldeíña,
e non digamos xa na cidade. O municipalismo esquerdista do que che falo traballa de xeito conxunto
cos medios de comunicación. 

Como traballaría unha proposta municipalista libertaria?

Bookchin: Traballaría a un nivel moi persoal que se atoparía fóra dos límites alcanzábeis polos medios de comunicación. Unha cousa que hai que entender é que na medida na que os medios de comunicación van aumentando a súa concentración transfórmanse en forzas de alienación. En realidade, o enfoque municipalista libertario sería o único que podería esperar contrarrestar a concentración de poder da prensa, porque trata de chegar a un nivel de comunidade, poñendo ao seu alcance medios para neutralizar e opoñerse ao impacto da prensa, pois basea o seu traballo na interacción cara a cara. A cuestión dos partidos a min provócame nauseas só de pensalo. 

Un partido marxinal de aquí disfrazado doutra cousa comezou loubando as túas teorías e acabou no parlamento.

Bookchin: Si un partido aparentemente radical corrómpese polo parlamentarismo, o que historicamente foi o caso de todos os partidos que coñezo, entón, este partido parlamentario esforzarase por moderar a situación existente, facilitando, de feito, a consecución dos seus obxectivos aos elementos máis perniciosos da sociedade.


Fonte: Abordaxe.

venres, 8 de maio de 2015

PRIMEIRA SESSOM DO GRUPO DE ESTUDOS: MUNICIPALISMO LIBERTÁRIO (MURRAY BOOKCHIN)

Nova sessom a celebrar nesta sexta-feira, 8 de maio, no Ateneu Libertário A Engranaxe às 21h00. Recolhe os textos de debate nos centros sociais e participa. Haverá ceia prévia.

O primeiro texto logo da apresentaçom do ciclo sobre democracia directa corresponde ao escritor anarquista estado-unidense Murray Bookchin, fundador da Escola da Ecologia Social.

O texto é o municipalismo libertário. Tambem recomendamos a leitura de "As políticas da Ecología social: municipalismo libertário"


luns, 20 de abril de 2015

PRESENTAÇOM DO GRUPO DE ESTUDOS SOBRE DEMOCRACIA DIRECTA


O grupo de estudos volta na sexta-feira dia 24 de abril abrindo um novo ciclo de debates centrados na democracia directa. O dia 24 às 21h00 será a apresentaçom do curso que novamente organizamos o centro social Mádia Leva! e o Ateneu libertário A Engranaxe. Esta primeira juntança celebrará-se no Mádia Leva! e haverá umha ceia prévia. Para aquelas pessoas que queiram participar repartirám-se textos nesse dia.


MATERIAIS
Texto 1:"Municipalismo libertario" Murray Bookchin.

Texto 2:"A experiencia autoxestionaria durante a guerra civil española" Luis Buendía García.

Texto 3:"Os consellos obreiros" Anton Pannekoek.

Texto 4:"O impasse cidadanista" Alain C.

Texto 5:"Manifesto contra o trabalho" Grupo Krisis.

Texto 6:"Do confederalismo democrático no Curdistám" Abdulah Occalam.

Texto 7:"Da Jeira ao Concelho Aberto" Antom Santos.

Texto 8:"Ghandi na Eira" Evans Pin.

Texto 9:"Sociedades anarquistas: cara unha teoría do contrapoder imaxinario" David Graever.